O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, mostrouse “optimista” antes do inicio do xuízo pola propiedade do Pazo de Meirás. “É un momento histórico e, para nós, moi ilusionante e de moita alegría”, engadiu.
Souto, que tamén representa a Iniciativa Galega pola Memoria, que coordina a todas as asociacións de memoria histórica de Galiza, considera que o proceso xudicial é un “momento histórico” porque “vai cambiar a historia do Estado español”. “Cambiará o concepto de doazón ao de venda simulada”, agregou.
A demanda, segundo explicou ante os medios de comunicación, “ten argumentación histórica e xurídica”, polo que a devolución do Pazo depende, dixo, “do bo xuízo”. “Falamos de que a capacidade de decisión sobre o futuro está en mans da cidadanía e a xudicatura, non en mans dunhas elites que formaban parte do franquismo”, apuntou.
No exterior da antiga Audiencia Provincial da Coruña, onde se realiza o xuízo a partir desta segunda feira, houbo una concentración de varias djucias de persoas.
O alcalde de Sada, Benito Portela, cualificou de “día histórico” o inicio do xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás e considerou que é “o inicio da gran recuperación da dignidade das vítimas do réxime”. En declaracións aos medios, o rexedor cre que o proceso xudicial é “importantísimo”.
“Os documentos aparecidos e recoñecidos pola parte demandada recoñeceron que non lle valeu nin un peso a Franco, por tanto entendemos que ten que ser patrimonio público dunha forma efectiva dunha vez”, subliñou Portela.
O alcalde da localidade coruñesa sinalou que Meirás foi durante moitos anos “o epicentro do réxime fascista” e un “símbolo”, polo que cre que o xuízo significará “o inicio dunha gran recuperación da dignidade para todas as vítimas do réxime”.
O avogado da familia Franco, Luís Felipe Utrera Molina, considerou que detrás do xuízo do Pazo de Meirás hai “un transfondo político”.
“O que se defende é unha propiedade dun inmoble, esperamos que non haxa ningunha implicación de tipo político porque é de natureza civil”, insistiu.
Así, recalcou que, para esta parte, “o que realmente se trata é a discusión da propiedade dun inmoble que tanto o Estado como o resto das institucións que están acudidas abandonaron por completo no ano 75 e só se acordaron diso 44 anos despois”.
“Non se acordaron cando se destruíu, non se acordaron cando se incendiou, cando houbo que reconstruílo e acórdanse agora”, apostilou.